Os salários continuam estagnados na Galícia

                                                                         
                                                                          Foto de jez s (CC by-nc-nd/2.0/)

Os salarios levan seis anos estancados en Galicia. Así o volven amosar os datos da Enquisa trimestral de Custo Laboral, publicada este venres polo INE, que sinala que no segundo trimestre de 2016 o custo laboral total das empresas galegas (2.232,73 euros por traballador/a) se mantivo estable con respecto ao trimestre anterior (2.203,05) e con respecto ao mesmo período do ano anterior (2.242,86). A mesma estabilidade atopámola nos custos salariais totais (que inclúen -ademais dos soldos base- os complementos, pagamentos por horas extraordinarias e atrasos) e no dato dos custos salariais ordinarios, que reflicten as evolucións no salario base.

A media (1.446,88 euros brutos mensuais por traballador ou traballadora) case non muda con respecto ao trimestre anterior (1.446 euros) nin tampouco con respecto a hai 12 meses (1.447,92). De feito, dende hai seis anos as variacións son mínimas, movéndose sempre ao redor da cantidade actual e acadando un máximo en 2014 (1.470,72). 

A tendencia é semellante no conxunto de España, cun custo salarial medio igualmente estancado dende o 2011 e actualmente situado en 1.630,53 euros. Isto implica que o diferencial con respecta aos soldos que se pagan en Galicia está case nos 200 euros, unha fenda que practicamente non se moveu nos anos da crise.

Só atopamos subas salariais na Industria, un sector con empresas máis grandes, con máis actividade sindical e cunha maior importancia dos convenios colectivos. Neste caso, os salarios medios non deixaron de crecer nos últimos anos, situándose na actualidade en 1.655 euros, algo por debaixo do dato de hai tres meses pero notablemente por riba das cifras de 2010 (1.518 euros).

Pola contra, no sector servizos (o que emprega á maioría dos traballadores e traballadoras galegas), os salarios que pagan as empresas mesmo se reduciron nos últimos seis anos, dende os 1.420,47 euros do segundo trimestre de 2010 ata os 1.394,68 euros do segundo trimestre de 2016. O sector da construción, finalmente, amosa máis subas e baixas, situándose hoxe en niveis parecidos aos de 2010.

(Com o Diário Liberdade)

Comentários